Viaqua promove o primeiro ciclo de FP da auga en Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director de Viaqua, Julio Masid, asinaron onte un convenio para implantar o próximo curso un ciclo de formación profesional na modalidade Dual -coa implicación da empresa privada- e que permitirá formar técnicos no ciclo da auga, unha especialidade de nova implantación en Galicia e con escasa presenza no resto do Estado.

O ciclo "Redes e estacións de tratamento de augas" formará na modalidade de grao medio a quince alumnos que estudarán no CIFP Politécnico de Santiago. O ciclo desenvolverase entre setembro do 2017 e setembro do 2019. Durante o primeiro trimestre dos dous cursos, o alumnado asistirá ás clases no instituto de FP compostelán, mentres que durante os segundos e terceiros trimestres desenvolverán a súa actividade a través de estancias na empresa Viaqua, cun máximo de catro horas cada quincena para actividades de seguimento, asesoramento e apoio no centro educativo, xa que os estudantes contarán con titores tanto entre o profesorado do instituto como en Viaqua. A empresa comprométese a financiar o proxecto de formación cun sistema de bolsas que se suma a outras liñas de colaboración para a realización de prácticas e a cesión de equipamento para a formación profesional.

Prema sobre a seguinte ligazón para acceder á nova orixinal.

Imaxe: Sandra Alonso
Fonte: La Voz de Galicia